19/01/2012

CIVILIZACIÓN CRETENSE


Cronoloxía: auxe do 2000 ao 1600 a.C.
Características:
-pobo de mercaderes, industriais, agricultores e mariñeiros. Destacan no traballo de metais preciosos e exportan xoias e armas.
-monarquía burocrática e centralista.
-edificaron cidades sen amurallar  con palacios con patios interiores, cunha distribución laberíntica. Destacan  CNOSO e FESTO.
-arte: 
      .sobresae a columna de madeira pintada con fuste máis estreito na base e cun capitel que será o precursor do estilo dórico.
      .os frescos dos palacios mostran  temas de inspiración naturalista e escenas da vida cotiá.
      .cerámica elegante no perfil e na decoración, primeiro xeométrica e logo de temática naturalista.
      .algunhas esculturas que representan a deusas (deusa das serpes)
-relixión: divindades femininas obxecto dun culto doméstico.
-escritura:
      .escritura silábica, LINEAL  A, aínda sen descifrar, en taboíñas de arxila.
      .disco de Festo: disco de terracota impreso por ambos lados, cunha serie de selos de pedra que forman unha espiral con 45 símbolos. É a mostra máis antiga de texto escrito e está sen descifrar.
Fin: a destrución de Cnoso e a caída da civilización minoica coincidiron co comenzo do período máis próspero da civilización micénica, o que suxire que en parte foron os micénicos os causantes do seu declive. Só en parte porque na illa de Thera (a 110 km)  tivo lugar unha das maiores erupcións volcánicas da prehistoria recente, cara ao ano 1627 a.C., causando un xigantesco maremoto. Outra teoría sostén que a erupción de Thera podería ser a inspiración principal da lenda da Atlántida
Fontes:
a)    Arqueoloxía:
.Arthur Evans: a principios do s.XX desenterrou o palacio de Cnoso
                .unhas 3000 taboíñas de arxila
b)      Mitoloxía: lenda do Minotauro
Podedes ver vídeos sobre Creta, premendo AQUI.

13/01/2012

ETAPA ARCAICA

                                                                               kore, escultura arcaica
CRONOLOXÍA:
do 800 ao 500 [3 séculos: VIII, VII e VI a.C.]

A partir do século VIII a.C. a sociedade grega presenta uns caracteres máis definidos ao haber unha documentación máis abundante. Esta etapa, chamada arcaica, reflexa un mundo en constante transformación e creador de novas formas.

CARACTERÍSTICAS:
  • plenitude da polis, agrupación urbana autónoma e  autárquica cunha economía que se apoia, ademais de na agricultura e na gandaría, na industria e no comercio.      
  • desenvolvemento da industria e do comercio que crea novas fontes de riqueza.
  • nace unha burguesía que vai esixir cambios sociais ante a nobreza aristocrática.
  • aparece a figura do lexislador que formula as primeiras leis escritas.
  • aparece a figura do tirano que goberna "para o pobo pero sen o pobo".
  • aumento demográfico.  
  • expansión colonial polo Mediterráneo.
  • desenvolvemento da poesía épica (s.VIII a.C.)
  • xurdimento da poesía lírica (s. VII-VI a.C.)

ETAPA CLÁSICA

Como repaso do visto hoxe en clase, aqui vos deixo este slide sobre
O século V a. C.

22/12/2011



Καλά Χριστουγέννα και καλή χρονιά  para todos os alumnos de Cultura Clásica
Vémonos en xaneiro coas forzas renovadas.

19/12/2011

ETAPA ESCURA

Vaso xeométrico (ca 900 a.C.)

Tras a guerra de Troia e a invasión dos dorios, entramos na Idade Escura, chamada así pola escasez de fontes. Foi neste período cando se puxeron os alicerces dunha nova sociedade da que nacerá a civilización clásica grega.

CRONOLOXÍA
do 1.200 ao 800 a.C. [4 séculos: XII-XI-X-IX a.C.]
CARACTERÍSTICAS
-invasión dos dorios

-migracións cara ás illas ou Asia Menor

-aparición do ferro

-xurdimento da polis

-debilitamento do poder do rei en favor da nobreza

-economía autárquica, basada na agricultura e gandeiría

-control dos fenicios das rutas comerciais do Mediterráneo

-estilo xeométrico na cerámica

-adaptación do alfabeto fenicio (s.IX a.C.)

16/12/2011

TESEO E O MINOTAURO

            Represéntase xeralmente a Teseo loitando contra o Minotauro, esta é a súa principal fazaña, que se sitúa na illa de Creta en tempos do rei Minos.

            Minos, rei de Creta, estaba casado con Pasífae e tiña, entre outros, dúas fillas chamadas Ariadna e Fedra. En certa ocasión Minos, para quedarse con todo o poder ante os seus irmáns, alegou que os deuses querían que el reinase e que, para demostralo, o deus Poseidón faría saír un touro do mar, que el, en xusta correspondencia, lle sacrificaría. Poseidón enviou o touro, pero Minos non llo sacrificou porque era un animal magnífico. Entón o deus vingouse infundindo en Pasífae unha paixón irresistíbel polo touro, do que concibiu un monstro con corpo de home e cabeza de touro, o Minotauro, que era antropófago. O rei, horrorizado, mandou encerralo nun labirinto construído polo arquitecto Dédalo.

            Minos, que vencera aos atenienses nunha guerra para vingar a morte do seu fillo Andróxeo -morto a mans de cidadáns atenienses nunha emboscada- impuxo a Atenas o pago dun tributo anual (ou cada nove anos) de sete mozos e sete mozas para pasto do Minotauro. Teseo pediu ser incluído entre eses mozos para poder enfrontarse ao monstro e terminar así con este macabro tributo. Exeo accedeu á petición do fillo, mais pediulle que, se tiña éxito nesta arriscada empresa, volvese coas velas brancas despregadas e, en caso contrario, o barco debía volver coas velas negras en sinal de fracaso.

            Cando Teseo desembarcou en Creta, Ariadna, a filla de Minos, namorouse del e prometeulle axuda a cambio de que a levase con el a Atenas e casase con ela. Por suposto, Teseo prometeullo. Entón Ariadna conseguiu do arquitecto Dédalo o secreto para saír do labirinto: o fío dun novelo que había que ir desenrolando ao entrar. Teseo matou ao Minotauro e, recollendo o fío do novelo de Ariadna, puido saír victorioso do labirinto.

            Informado Minos da axuda prestada por Dédalo, encerrou no interior do labirinto ao arquitecto e a seu fillo Ícaro. Pero Dédalo fabricou unhas alas para el e outras para Ícaro, pegounas con cera nos ombros e, desta maneira, os dous saíron voando. Antes de partir, Dédalo aconsellou ao fillo que non voase demasiado baixo nin demasiado alto xa que o sol podía derreter a cera. Porén, Ícaro non atendeu os consellos do pai, achegouse demasiado ao sol e, desprendidas as súas alas pola calor, caeu ao mar, que desde entón leva o nome de mar de Icaria.

            Teseo embarcou de regreso a Atenas con Ariadna. Pero nunha escala da nave na illa de Naxos (unha das illas Cícladas), deixouna durmindo e fíxose á mar sen ela. Cando Ariadna espertou, quedou desolada ao se ver abandonada. Mais axiña chegou o deus Dioniso co seu ruidoso séquito e converteuna na súa muller.

            Teseo proseguiu viaxe cara a Atenas pero esqueceu cambiar as velas negras por unhas brancas como quedara co seu pai. Ben o esquecese involuntariamente polas moitas aventuras vividas, ben voluntariamente co obxecto de herdar -hai versións para todos os gustos-, o caso foi que Exeo ao ver as velas negras pensou que o seu fillo morrera e botouse ao mar, que desde entón leva o seu nome: mar Exeo. Teseo herdou o trono de Atenas onde gobernou con prudencia.

            Este mito do labirinto e o Minotauro evoca claramente a civilización cretense ou minoica, da que sabemos, sobre todo despois das escavacións de Evans, que tiña un culto importante do touro, palacios inmensos, e símbolos como a dobre machada (en grego λάbru"). Efectivamente labirinto significa “palacio da dobre machada”.

MÚSICA GREGA

A canción que podedes escoitar a continuación é a que elixiu unha alumna de Cultura Clásica para o seu traballo. Gustoume e quéroa compartir con vós.