18/03/2010

MICENAS E O AGAMENÓN DE ESQUILO

Podería ser útil que botedes unha ollada a este vídeo sobre "O Tesouro de Atreo", como repaso do que falamos hoxe en clase sobre as tumbas atopadas en Micenas.
De paso preséntovos a persoa que sacou á superficie na segunda metade do século XIX os palacios, as tumbas e as máscaras de ouro dos reis micénicos, entre outras moitas cousas: Heinrich Schliemann.
Schliemann xa escavara en Troia e sacara á superficie nada menos que nove cidades superpostas, cando pensou que se Troia existira por qué non Micenas, "a rica en ouro"-segundo Homero-. E fiel ás aladas palabras de Homero e as descricións de Pausanias, atopou varias tumbas, unhas en forma de círculo dentro das murallas, e outras cun corredor e un tholos -ou estancia circular cuberta por unha falsa cúpula- fóra das murallas. Son estas últimas ás que chamamos Tesouros.
A saga dos Atridas corrobora no plano mitolóxico a relación de Micenas coa morte, a través dos asasinatos encadeados desde Tántalo ata Orestes. Non atoparedes momento máis oportuno que este para ler a traxedia "Agamenón" de Esquilo, nin pracer maior que reler algúns párrafos desta obra sentados no alto da acrópole de Micenas, como se fosedes o gardián que, seguindo as ordes de Clitemnestra, espera o regreso de Agamenón e o seu exército da Guerra de Troia.



(Micenas)

Nenhum comentário:

Postar um comentário