16/12/2011

TESEO E O MINOTAURO

            Represéntase xeralmente a Teseo loitando contra o Minotauro, esta é a súa principal fazaña, que se sitúa na illa de Creta en tempos do rei Minos.

            Minos, rei de Creta, estaba casado con Pasífae e tiña, entre outros, dúas fillas chamadas Ariadna e Fedra. En certa ocasión Minos, para quedarse con todo o poder ante os seus irmáns, alegou que os deuses querían que el reinase e que, para demostralo, o deus Poseidón faría saír un touro do mar, que el, en xusta correspondencia, lle sacrificaría. Poseidón enviou o touro, pero Minos non llo sacrificou porque era un animal magnífico. Entón o deus vingouse infundindo en Pasífae unha paixón irresistíbel polo touro, do que concibiu un monstro con corpo de home e cabeza de touro, o Minotauro, que era antropófago. O rei, horrorizado, mandou encerralo nun labirinto construído polo arquitecto Dédalo.

            Minos, que vencera aos atenienses nunha guerra para vingar a morte do seu fillo Andróxeo -morto a mans de cidadáns atenienses nunha emboscada- impuxo a Atenas o pago dun tributo anual (ou cada nove anos) de sete mozos e sete mozas para pasto do Minotauro. Teseo pediu ser incluído entre eses mozos para poder enfrontarse ao monstro e terminar así con este macabro tributo. Exeo accedeu á petición do fillo, mais pediulle que, se tiña éxito nesta arriscada empresa, volvese coas velas brancas despregadas e, en caso contrario, o barco debía volver coas velas negras en sinal de fracaso.

            Cando Teseo desembarcou en Creta, Ariadna, a filla de Minos, namorouse del e prometeulle axuda a cambio de que a levase con el a Atenas e casase con ela. Por suposto, Teseo prometeullo. Entón Ariadna conseguiu do arquitecto Dédalo o secreto para saír do labirinto: o fío dun novelo que había que ir desenrolando ao entrar. Teseo matou ao Minotauro e, recollendo o fío do novelo de Ariadna, puido saír victorioso do labirinto.

            Informado Minos da axuda prestada por Dédalo, encerrou no interior do labirinto ao arquitecto e a seu fillo Ícaro. Pero Dédalo fabricou unhas alas para el e outras para Ícaro, pegounas con cera nos ombros e, desta maneira, os dous saíron voando. Antes de partir, Dédalo aconsellou ao fillo que non voase demasiado baixo nin demasiado alto xa que o sol podía derreter a cera. Porén, Ícaro non atendeu os consellos do pai, achegouse demasiado ao sol e, desprendidas as súas alas pola calor, caeu ao mar, que desde entón leva o nome de mar de Icaria.

            Teseo embarcou de regreso a Atenas con Ariadna. Pero nunha escala da nave na illa de Naxos (unha das illas Cícladas), deixouna durmindo e fíxose á mar sen ela. Cando Ariadna espertou, quedou desolada ao se ver abandonada. Mais axiña chegou o deus Dioniso co seu ruidoso séquito e converteuna na súa muller.

            Teseo proseguiu viaxe cara a Atenas pero esqueceu cambiar as velas negras por unhas brancas como quedara co seu pai. Ben o esquecese involuntariamente polas moitas aventuras vividas, ben voluntariamente co obxecto de herdar -hai versións para todos os gustos-, o caso foi que Exeo ao ver as velas negras pensou que o seu fillo morrera e botouse ao mar, que desde entón leva o seu nome: mar Exeo. Teseo herdou o trono de Atenas onde gobernou con prudencia.

            Este mito do labirinto e o Minotauro evoca claramente a civilización cretense ou minoica, da que sabemos, sobre todo despois das escavacións de Evans, que tiña un culto importante do touro, palacios inmensos, e símbolos como a dobre machada (en grego λάbru"). Efectivamente labirinto significa “palacio da dobre machada”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário