23/01/2010

VÍDEO DA ODISEA

Aqui vos deixo un resumo da obra contado en vídeo. Ademais poderedes ir seguindo a viaxe de Odiseo nun mapa. Espero que vos sexa útil.


ODISEA (canto XII)

Odiseo e as sereas. Detalle dunha vasilla. Museo Británico
Odiseo regresa a Eea e queima o cadáver de Elpénor. Circe explícalle entón os perigos que deberá enfrontar no que resta de viaxe:
  1. Primeiro pasarán xunto ás sereas, mulleres con corpo de paxaro que posúen un canto irresistible ao que ningún home pode escapar. Pero este canto arrastra as embarcacións á costa e escáchaas. Para evitar as sereas, Circe aconsella que tape as orellas dos seus compañeiros con cera, e el se faga amarrar ao mastro para poder escoitalas sen ser arrastrado. Seguindo estes consellos, saen ilesos.
  2. A continuación chegarán a un estreito que ten un monstro a cada lado. Odiseo deberá elixir entre Escila que posúe seis cabezas de can, e Caribdis que é un remuíño que traga todo o que se pon o seu alcance. O heroe decide pasar preto de Escila, que devora a seis dos seus homes.
  3. O seguinte lugar será a illa Trinacia, onde están as vacas de Helios, que non deben tocar baixo ningún concepto. Pero os alimentos escasean e os homes de Odiseo deciden sacrificar as vacas para non morrer de fame. Helios pide vinganza aos deuses e por iso, cando de novo parten, unha tormenta achega a nave a Caribdis que absorbe o barco. Tan só se salva Odiseo quen, agarrado a un madeiro, chega á illa Ogigia, onde habita a ninfa Calipso.

Ata aqui o resumo dos cantos que hai que ler para o exame. SERÍA MOI POSITIVO QUE LÉRADES O RESTO DA OBRA.

17/01/2010

SOBRE A ODISEA

A Odisea consta de 24 cantos que podemos agrupar en 3 partes:
  1. A Telemaquia (cantos I a IV) onde se narra o regreso dos aqueos da guerra de Troia, a tardanza de Odiseo, a difícil situación creada en Ítaca e as viaxes de Telémaco en busca de noticias do seu pai.

  2. Os relatos na corte de Alcínoo (cantos V a XIII) por parte de Odiseo das súas aventuras desde a caída de Troia: cíclopes, sereas, baixada ao Hades, Escila e Caribdis, os lotófagos, os lestrigóns, as vacas do Sol, Circe... Os deuses deciden acabar coas súas penalidades e permitirlle regresar a Ítaca.

  3. A matanza dos pretendentes (cantos XIII a XXIV). Odiseo regresa a Ítaca disfrazado de mendigo, e tamén volve Telémaco. É recoñecido polos amigos leais, mentres os pretendentes se amosan insolentes. Finalmente Odiseo, como mendigo aínda, vence na proba do arco e mata a todos os pretendentes e criados desleais. Despois é recoñecido por Penélope. No último canto descríbese a chegada dos pretendentes ao Hades, a visita de Odiseo a seu pai, Laertes, e a pacificación da illa con Ulises de novo ao mando.

12/12/2009

A CIVILIZACIÓN MINOICA O CRETENSE

Como o próximo luns 14 de decembro temos o exame da 1ª avaliación, aqui vos deixo este interesante enlace que vos vai permitir repasar e comprobar coñecementos sobre o último tema visto en clase, CRETA e a CIVILIZACIÓN CRETENSE.

19/11/2009

O Partenón no Museo Británico

Puiden ver e gravar este vídeo a primeira vez que visitei o Museo Británico nunha viaxe con alumnos de Bacharelato no ano 2004. Desde entón vémolo en clase de Grego, malia a súa baixa calidade xa que foi gravado pola miña cámara. Sempre pensei que era unha lástima que non o puidesen ver todos os alumnos de Bacharelato, tanto os de letras como os de ciencias, porque creo que é moi interesante. Hoxe atopeino nunha páxina e comprobo que ten mellor calidade que o meu, así que aquí o tedes. ESPERO QUE VOS GUSTE.


UN XOGO DIDÁCTICO DE ARTE


Seguro que a estas alturas de curso xa vistes en 2º a arte grega. Se é verdade que estivestes atentos, premede neste enlace e comprobade os vosos coñecementos. Será útil como repaso para futuros exames.

Na mesma páxina tedes tamén arte romana e exipcia.
¡ÁNIMO E A REPASAR!

04/11/2009

RODIN E A MITOLOXÍA SIMBOLISTA

O pensador, Auguste Rodin, Museo Rodin (Paris)
Onte, 3 de novembro, os alumnos de Cultura Clásica de 3º de ESO e os da materia de Grego de Bacharelato asistimos no Kiosco Alfonso a unha visita guiada da exposición Rodin e a mitoloxía simbolista. A experiencia resultou fructífera e disfrutamos das súas obras máis famosas: o pensador, o beso, os burgueses de Calais, as portas do Inferno, o home co naris roto, etc. Pero aprendimos tamén que Rodin é outro de tantos autores a través dos que podemos aprezar as pegadas da cultura clásica. Son moitas as esculturas da exposición que tratan o tema mitolóxico. Lembramos, por exemplo, a Orfeo suplicando aos deuses a volta de Eurídice; unha Danaide que retorce o seu corpo sobre un bidón, alusión ao castigo eterno; a Cariátide portando unha pedra; Cupido e Psique; Iris, a mensaxeira dos deuses; Ícaro cunhas ás que recordan a súa caída; sátiros, as tres faunas, sereas, centauros, musas, esfinxes; e, por suposto, os deuses: Dioniso, Afrodita, Apolo.... Para que poidades satisfacer a vosa curiosidade sobre este autor e as súas obras, aqui tedes varios enlaces interesantes:


http://es.wikipedia.org/wiki/Auguste_Rodin
http://www.epdlp.com/pintor.php?id=356
http://www.musee-rodin.fr/welcome.htm

E agora, á espera dos vosos comentarios, déixovos con dous vídeos que, tras a visita de onte, creo que todos poderemos disfrutar máis.